INTRODUCIÓN AO NOSO BLOG



"Valoración do modelo estético e análise dos comportamentos alimentarios asociados no IES Frei Martín Sarmiento no curso 2015-2016".

Nos últimos anos a delgadeza e a obesidade convertéronse nun tema de actualidade, considerando a delgadeza un ideal a seguir e a obesidade un estigma. Esta actitude chega a xerar crenzas e comportamentos inadecuados fronte á alimentación, o peso, e a figura en xeral.

Con respecto a esta problemática temos que ter en conta dous factores, o psicolóxico e o sociocultural. En primeiro lugar, cabe destacar que os adolescentes teñen maior conciencia da imaxe corporal (tanto da propia como da marcada pola sociedade), definida como a representación interna da apariencia externa do corpo, incluíndo así sentimentos e pensamentos acerca dun mesmo, que tende a ter un forte impacto no comportamento, e leva implícito o aspecto avaliativo e reflexivo a partir da comparativa co resta da sociedade.

Por outro lado temos os factores socioculturais, xa que a sociedade actual promove un modelo estético corporal caracterizado por unha figura extremadamente delgada, reforzada a través dos medios de comunicación, da familia, de amigos e da cultura en xeral, que propicia a insatisfacción corporal e polo tanto leva a condutas e actitudes impropias con respecto á comida e ao peso.

Finalmente, cabe destacar que os factores sociais e individuais están fortemente ligados entre si, polo que o obxectivo desta investigación consistiu en identificar a relación entre a influencia do modelo estético corporal ideal presente na actualidade, a insatisfacción coa imaxe corporal e o desenvolvemento de conductas alimentarias de risco nunha mostra de 93 alumnos pertencentes ao IES Frei Martin Sarmiento no curso escolar 2015-2016. Contamos coa axuda de dous cursos de primeiro de bacharelato, incluídos dentro da poboación de risco, e coa axuda de 1º de Laboratorio e 1º de CM de Estética para así poder facer unha comparativa con persoas maiores de 18 anos.